Respostas + valoradas Área Axober Carné profesional Área Orientación Laboral CV Área Orientación Laboral Reciclarse
Últimas preguntas/respostas Área Comercio Tenda de conveniencia Área Comercio Horario comercial Área Comercio Establecementos con liberdade horaria
Faq's
Faq's

Que é Fórum Carballo?

Fórum Carballo é un proxecto de cohesión territorial situado nun espazo multipropósito que posibilitou a xeración e a busca de solucións reais para a mellora competitiva, o fomento do emprego e o desenvolvemento sostible no marco do tecido produtivo da bisbarra de Bergantiños.

Grazas ao apoio da Unión Europea a través dos fondos FEDER 2007-2013, no plan considéranse medidas de carácter ambiental e urbanístico, así como políticas de igualdade de oportunidades e implantación das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) coa creación dun campus en liña que facilitará o acceso á formación a través de Internet para todos os públicos.

Fórum Carballo fomenta ademais a participación social, proporcionando un espazo de encontro no que se darán cita o sector produtivo, emprendedores, formadores, consumidores e calquera axente implicado no progreso da bisbarra.

Onde está situado Fórum Carballo?

O complexo de Fórum Carballo está nunha parcela de 11.000 m2 no Barrio da Milagrosa, plenamente integrado na actividade social e comercial da zona xa que o recinto tamén se utilizará como espazo para a feira dominical.

Que medidas se tomaron en materia de eficiencia enerxética para que o espazo Fórum Carballo sexa respectuoso co medio?

En canto a actuacións en materia de eficiencia enerxética pódense enumerar:

  • Emprego de sistemas enerxéticos eficientes, con especial atención á etiquetaxe enerxética en lámpadas, balastos, caldeiras, equipos de aire acondicionado, etc..
  • Emprego de paneis fotovoltaicos con vida útil maior a 20 anos para a produción de enerxía eléctrica. Como enerxías limpas que son proporcionan auga quente ou electricidade de forma gratuíta sen necesidade de recorrer a combustibles fósiles.
  • Instalación de sistemas de arranque por detección de presenza en zonas de paso.
  • Instalación de sistemas de control do nivel de iluminación natural para conseguir un óptimo control de nivel de intensidade das lámpadas. 
  • Aproveitamento da luz natural a través do muro acristalado co conseguinte aforro enerxético (luz e calefacción).
  • Instalación de baterías de condensadores que permiten bonificacións do 4% no consumo, e especialmente evita penalizacións de ata o 47% na facturación.

Que medidas se tomaron en materia de aforro de recursos naturais para que o espazo Fórum Carballo sexa respectuoso co medio?

As medidas encamiñadas ao aforro de recursos naturais son:

  • Instalación dun sistema para separar augas residuais e pluviais e reutilización destas últimas.
  • Implantación de medidas de aforro no consumo de auga nos aseos.
  • Utilización de materiais renovables, de baixas emisións tóxicas e doada reciclaxe e reutilización; uso de materias primas pouco elaboradas e de procedencia local para redución dos custos, incrementando ao mesmo tempo a integración no ámbito.
  • Instalación de rego por goteo na zona axardinada.
  • Transplante das árbores existentes que non puideron permanecer na súa situación actual.
  • Plantación de arboredo formado por especies autóctonas, perennifolias e arbustos.
Neste sentido, de cara á non xeración de residuos:
  • Diminuise a xeración de residuos inertes e fomentouse a reciclaxe.
  • Realizouse a separación selectiva durante os procesos de rehabilitación e demolición.

Por que se optou pola fórmula dos talleres de emprego para a construción de Fórum Carballo?

Os talleres de formación réxense polos valores de integración laboral, formación e actitude ante o emprego. O alumno participa activamente en proxectos reais que logo serven como espazos útiles, alcanzando así dous obxectivos ao tempo: a formación do propio alumno e un incomparable escaparate do seu traballo para os empresarios que nun futuro contratarán os participantes do proxecto.

Por outra parte, empréganse métodos didácticos innovadores que buscan a participación activa dos alumnos nas clases teóricas e prácticas, fomentando a súa creatividade e autonomía persoal. Todo isto acompañado, de sistemas de avaliación de aprendizaxe e cualificación personalizada e continuada.

Os talleres de formación buscan así mesmo dar unha resposta integral ás necesidades formativas que formulan os desempregados na bisbarra, co fin de facilitar e optimizar a súa posible contratación nas mellores condicións laborais e de sostibilidade.

Como podo reservar instalacións en Fórum Carballo?

Polo momento este servizo non está dispoñible. En breve aprobarase a normativa municipal que regula o uso das instalacións de Fórum Carballo por entidades, colectivos e empresas que o soliciten.

Quen pode participar en Fórum 2.0?

Fórum 2.0 é unha zona interactiva na que unha comunidade de expertos en diversas áreas estarán en contacto cos usuarios rexistrados, ofrecerán información e responderán ás preguntas que formulen. As preguntas e respostas enviadas aos usuarios polos expertos estarán visibles para a consulta do público en xeral, aínda que para participar no intercambio de opinións ou comentarios no foro, é condición imprescindible darse de alta no apartado REXÍSTRATE do módulo desde onde tamén se pode descargar o Manual de funcionamento de Fórum 2.0.