Respostas + valoradas Área Orientación Laboral CV Área Orientación Laboral Reciclarse Área Axober Carné profesional
Últimas preguntas/respostas Área Comercio Tenda de conveniencia Área Comercio Horario comercial Área Comercio Establecementos con liberdade horaria
Noticias
O símbolo da vila rodea os xardíns de Fórum

Carballos na entrada de Fórum
28/06/2011.- Cando se lle pregunta a Manuel Carbajo, un dos arquitectos responsables do proxecto Fórum e socio do estudio Carbajo y Barrios, polos motivos que os levaron a escoller os carballos como árbore protagonista nos xardíns que rodean ao complexo, a resposta é a que a todos se nos pode vir á cabeza. “Por razóns evidentes –argumenta- é o símbolo da vila”. Ademais de no nome do municipio, o carballo está presente no escudo, na imaxe corporativa do Concello e agora tamén está unido a este gran espazo que aspira a ser unha referencia para o tecido productivo da comarca de Bergantiños.

Afondando un pouco máis, o arquitecto recorda cando empezaron as relacións co Concello de Carballo aló por 2002 durante unha feira na que se presentaba o programa formativo local e como agasallo promocional regalouse unha bolsa con landras dentro. Unha das sementes acabou nunha maceta no estudio dos composteláns que foi xerminando mentres eles, tempo despois, ían desenvolvendo os planos de Fórum Carballo. “Deu a casualidade que saíron cinco follas que son os cinco edificios”, explica Manuel Carbajo que tamén apura a apuntar que esta non foi a razón para elixir a composición das instalacións. Só é unha casualidade e unha curiosidade, sinala. A foto das follas desa pequena planta utilizouse posteriormente no deseño da portada do proxecto que está nas estanterías do seu estudio e tamén na casa consistorial.

Carácter permanente

A razón final pola que os arquitectos tamén se decidiron por esta árbore autóctona como protagonista indiscutible da ornamentación vexetal que rodea a Fórum foi a súa imaxe de eternidade. “Había que elixir e en contraste con outras plantas que poden parecer máis efímeras, optouse algo máis permanente coma o carballo que tamén vimos medrar mentras faciamos o proxecto”, conclúe Carbajo.

Listaxe de ligazóns Galería de fotos