Respostas + valoradas Área Orientación Laboral CV Área Orientación Laboral Reciclarse Área Axober Carné profesional
Últimas preguntas/respostas Área Comercio Tenda de conveniencia Área Comercio Horario comercial Área Comercio Establecementos con liberdade horaria
Noticias
O CONCURSO CELEBRARASE DURANTE A TEMPADA DE PRIMAVERA Un total de once establecementos participan no II Plan de Mellora da Imaxe Comercial e Escaparatismo

O Forum de día
17/01/2012.- Un total de once establecementos carballeses -os once que se presentaron á convocatoria- participan no II Plan de Mellora da Imaxe Comercial e Escaparatismo, incluído no Plan de Reactivación e Dinamización Empresarial do proxecto Fórum Carballo. Súmanse aos 25 que aproveitaron a primeira fase deste plan desenvolvida en 2011 e que ten o obxectivo final de mellorar a imaxe comercial destes establecementos. Así, cada un dos locais participantes poderá contar cun informe especializado realizado por unha consultora a partir do que se elaborará un dossier no que se analizarán a faciana, o escaparate e o interior da tenda, así como a colocación do produto. Os representantes dos negocios que forman parte desta segunda fase mantiveron o pasado 12 de xaneiro unha xuntanza cos responsables da consultora encargada de realizar os estudos, que nestes momentos xa está traballando na análise de situación, a diagnose e as visitas personalizadas a cada local. Unha vez rematados os estudos, os 36 establecementos (os da primeira fase e a segunda) participarán nun Concurso de Escaparatismo que se desenvolverá para potenciar a tempada de primavera, a partir de marzo.

Durante o concurso valorarase tanto a vistosidade dos escaparates como o aproveitamento do espazo ou a adopción das recomendacións da consultora encargada de asesorar aos establecementos participantes. O II Plan de Mellora da Imaxe comercial implica a realización de entrevistas individualizadas aos 11 establecementos que se presentaron á iniciativa para analizar os rótulos, a iluminación, o xeito en que están expostos os produtos, o mobiliario ou a rendibilidade do punto de venda. Con eses datos elabórase un informe coas carencias e fortalezas da tenda, ademais dunha ficha técnica do establecemento. A partires de aí, ofreceranse as indicacións para mellorar a imaxe e para conseguir obter o máximo rendemento do local e do negocio. Así mesmo, celebraranse charlas de formación, recollendo consellos e actuacións que se poden realizar, incluso tendo en conta parámetros empregados en grandes empresas comerciais. O obxectivo é mellorar os establecementos a curto, medio e longo prazo.

Tamén hai que lembrar que o Plan de Reactivación e Dinamización Empresarial no que se enmarca esta iniciativa contou en 2011 con seis liñas de axuda (internacionalización, marketing, mellora da situación financieira, mellora na xestión de cobros, planificación estratéxica, e Q de calidade turística) destinadas a autónomos, empresas e grupos de empresas que exerzan a súa actividade do municipio co obxecto de axudarlles a mellorar nalgúns dos seus aspectos clave.